Quen somos?

Fedra
Cada día acontece un novo suceso que nos atropela. Vivimos tempos en que a vida transcorre vertixinosa, tempos de avances e retrocesos, sen un respiro para asumir todos os cambios, incapaces de resignarmonos á espera e incapaces de adaptarnos a ela, tempos de oportunidades perdidas, de promesas inconclusas, de mapas sen destino.

Os anos pasan e cada vez somos máis conscientes de ter perdido trens, barcos, avións, avionetas e ata motocicletas. Por sorte quédanos a bicicleta!

Quedará algo esperándonos? A espera é longa, e quen espera desespera...entón chega o momento en que reinventas ou reventas.


Pavlo
Así que aquí estamos, reinventando as nosas vidas, trazando novas travesías.
Decidimos non deixar pasar máis o tempo, desenvolver o noso potencial creativo, unir as nosas forzas, poñer luz nas nosas vidas e animarnos a dar o salto.
Somos un grupo de persoas que vive tempos de crise, algunhas en situación laboral inestable ou lamentable; outras paradas.
Estamos en tempos de crise pero decididas a darlle a volta aos Eres, porque apostamos pola Reciclaxe, a Recuperación, a Reparación, a Restauración e a Reutilización.

Ari
Imaxinaturas é un proxecto colectivo, un laboratorio de transformacións diversas que emprega os recursos que ten ao seu alcance para contribuír ao logro dunha economía sostible: tempo, creatividade e toneladas de desfeitos.

E é que tuvimos que facernos maiores para saber o que queremos ser: "traballadores da reciclaxe".